Detido un home en Lugo acusado de ferir de gravidade outro cun vaso roto nun pub da rúa Tui
A vítima, que sufriu un corte no pescozo, foi trasladada en ambulancia polos servizos sanitarios ao Hospital Universitario Lucus Augusti
A Policía Nacional identificou o presunto autor da agresión e detívoo de forma inmediata coa imputación dun delito de lesións graves
Imaxe de arquivo da Policía Nacional
Un home foi detido pola Policía Nacional acusado de ferir de gravidade a pasada fin de semana a outro home cun vaso roto nun pub da rúa Tui, en Lugo.
Segundo trasladou a Policía, os feitos sucederon a madrugada do pasado domingo nun establecemento desa zona da capital lucense.
Ata alí desprazáronse varias dotacións de seguridade cidadá para intervir nun incidente no que se viu implicado un home de mediana idade que, tal e como detallou o corpo policial, sufrira un corte no pescozo producido cun vaso roto.
Posteriormente, a vítima foi trasladada en ambulancia polos servizos sanitarios ao Hospital Universitario Lucus Augusti con lesións graves.
Mentres, a Policía Nacional identificou ao presunto autor da agresión, que foi detido de forma inmediata coa imputación dun delito de lesións graves.