Detidos o presidente e o vicepresidente da Deputación de Almería polo caso das máscaras
Canda eles foi arrestado o alcalde da localidade de Fines, todos do Partido Popular
As detencións producíronse no marco da investigación aberta pola adquisición irregular de máscaras de protección durante a pandemia
Arquivo/Deputación de Almería
Axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil detiveron o presidente da Deputación de Almería, Javier Aureliano García (PP), o vicepresidente, Fernando Giménez (PP), e o alcalde da localidade almeriense de Fines (PP), Rodrigo Sánchez, que estaban a ser investigados polo caso Máscaras.
O caso investígao o Xulgado Número 1 de Almería. Durante a mañá desenvolveranse distintos rexistros en diferentes domicilios.
Giménez e Sánchez estaban investigados xudicialmente dentro do coñecido como caso máscaras, que indaga presuntas comisións ilegais en contratos de subministración de material sanitario adxudicados pola Deputación durante a pandemia.
O PSOE destapa irregularidades nun contrato valorado e dous millóns de euros
A principios de mes, o PSOE solicitara que se chamase a declarar como testemuña nesta causa ao responsable da Deputación, que é tamén presidente do PP de Almería, Javier Aureliano García.
O PSOE, que exerce a acusación popular, fundamenta a súa solicitude en "a falta de concordancia entre as declaracións de testemuñas e investigados" e nos novos datos contidos no atestado da UCO, datado o 25 de abril.
O partido pide ao xulgado que tome declaración a García, na súa condición de responsable último da firma do contrato público que deu orixe á causa, para esclarecer cando, como e de quen tivo coñecemento das negociacións e adxudicacións investigadas.
Segundo o escrito dos socialistas, trátase de determinar se puideron concorrer indicios de prevaricación, suborno, tráfico de influencias, malversación, fraude, exaccións ilegais ou negociacións prohibidas na tramitación do contrato, valorado nuns dous millóns de euros.
O partido solicita así mesmo que a Deputación achegue a relación de asesores do presidente entre marzo de 2020 e marzo de 2022, con detalle das súas funcións e adscrición, así como a identificación dos asignados ás áreas do entón deputado Óscar Liria e o actual vicepresidente Fernando Giménez, ambos os investigados na instrución xudicial.
Tamén mencionaban comunicacións dun grupo de mensaxería denominado Naranjito, en que García intercambiaría mensaxes con Liria (vicepresidente terceiro naquel momento e un dos primeiros detidos por este caso) e Giménez.
Un deles, reproducido no documento, di textualmente: "Óscar, hai que ver a que tes leada coas máscaras! (…) cala xa!".
O PSOE considera que esa conversación "pon de manifesto un coñecemento directo dos feitos" e reclamaba a súa incorporación íntegra á causa.