Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido en Xixón un dos colaboradores de Miñanco no marco da operación Saona

Detido en Xixón un dos colaboradores de Miñanco no marco da operación Saona

As narcolanchas topadas en dous areais do concello de Ribeira hai un ano achegaron valiosa información

O xefe da sección GRECO-Galicia da Policía Nacional confirmou á TVG que a análise das embarcacións achegou datos importantes

Unha das narcolanchas abandonadas en Ribeira Unha das narcolanchas abandonadas en Ribeira
G24.gal 07/04/2024 16:17 Última actualización 07/04/2024 18:07

A Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional detivo no porto do Musel, en Xixón, un colaborador do narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco.

A detención tivo lugar no marco da operación Saona que se iniciou hai máis dun ano. As forzas de seguridade sabían que unha organización galega agardaba o cargamento dun narcosubmarino, e tentaron cercalo.

A descarga abortouse e as narcolanchas que ían encargarse dela apareceron varadas en dúas praias do concello de Ribeira. Estímase que había tres toneladas de droga en xogo.

Daquela, os narcos conseguiron fuxir pero, segundo confirmou á TVG Emilio Rodríguez, o xefe da sección GRECO-Galicia da Policía Nacional, as embarcacións deixaron unha importante información.

"A análise dos datos que achegaron as lanchas, como GPS, impresións dactilares... permitiron identificar moitas das persoas que estaban relacionadas con elas".

O pasado martes, axentes do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado da Policía Nacional e de Vixilancia Aduaneira detiveron en Galicia tres persoas en nove rexistros, nos que toparon moldes para fabricar lanchas semirríxidas e un camión para transportalas.

Os arrestados nas provincias da Coruña e Pontevedra foron postos en liberdade polo Xulgado de Instrución número 5 de Vigo que acordou unha orde de busca e captura contra outras tres persoas.

Detención en Xixón

No caso do colaborador de Sito Miñanco, "o arresto produciuse cando o sospeitoso, que ten pendente un xuízo na Audiencia Nacional no que tamén está acusado Miñanco, se atopaba en compañía doutra persoa, que tamén foi detida", segundo o diario asturiano El Comercio.

A publicación lembra que "se dá a circunstancia de que no Musel estaba a descargar xarda o barco pesqueiro doutro dos investigados na mesma operación", unha embarcación que ten a súa base en Portosín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade