Detido en Lugo un home que intentou tirar un policía polo oco dunhas escaleiras
Un axente da Policía Local de Lugo estivo a piques de caer polo oco dunhas escaleiras ao ser empuxado por un home que acababan de prender por ameazas. O suceso tivo lugar nun edificio da rúa Paxariños, onde acudira unha patrulla debido á actitude violenta do presunto agresor.
Cando chegaron os axentes, comprobaron que o individuo conflitivo, de 56 anos, se encontraba moi agresivo. Ao trataren de calmalo, o home supostamente propinoulle varias patadas a un dos policías, polo que foi reducido.
Pero cando o estaban a baixar, á altura do terceiro piso, empuxou un dos gardas polo oco das escaleiras. Foron os seus compañeiros os que o salvaron de caer ao baleiro. Tras ser detido, o presunto autor destes feitos podería enfrontarse a un delito contra axente da autoridade.