Detido en Cariño por pintadas ameazantes e fustrigar varios veciños
O detido ten antecedentes por feitos similares e impútanselle presuntos delitos de danos, desordes públicas e ameazas
Garda Civil/Ministerio do Interior
A Garda Civil comunicou este mércores a detención dun home de Cariño como presunto autor de varios delitos contra o patrimonio e as persoas e afirmou que se lle atribúe a aparición de pintadas vandálicas e actos de fustrigación que xeraron alarma social na vila.
Axentes do posto de Ortigueira realizaron o operativo, iniciado por mor duns feitos ocorridos na madrugada do 13 de xaneiro pasado, cando se localizaron múltiples pintadas realizadas con aerosol negro en puntos estratéxicos da localidade, cuxas inscricións contiñan alusións directas a terceiras persoas.
Ademais, o corpo de seguridade sinalou que esas mensaxes eran de natureza intimidatoria e que o autor seleccionou tanto edificios públicos como propiedades privadas, caso da fachada dun centro sanitario, unha casa particular ou un antigo local de lecer.
Segundo a Garda Civil, as vítimas denunciaron eses danos materiais e unha fustrigación continuada, incluídas gravacións e ameazas persoais, o cal motivou a solicitude de ordes de protección ante o temor fundado pola súa integridade física.
O instituto armado precisou que o detido ten antecedentes por feitos similares e que se lle imputan presuntos delitos de danos, desordes públicas e ameazas, ademais de indicar que as dilixencias foron postas ao dispor dos xulgados de Ortigueira.