Detidas outras tres persoas por tráfico de drogas en casas ocupadas de Lugo
O líder do último clan desartellado ingresou en prisión
Tres homes cun amplo historial delituoso foron detidos en Lugo nunha redada contra o tráfico de drogas. A operación desenvolveuse na zona da Milagrosa e nos veciños barrio Feixó e da Piringalla. Neles, constatouse que ata tres casas foran ocupadas de xeito ilegal para servir de vivendas e como puntos de venda de cocaína.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "A droga comisada nestes 'narcopisos' é cocaína transformada en crack, que está sendo un substituto da heroína. O consumo desta droga é especialmente perigoso, posto que fai que os toxicómanos teñan unha actitude bastante máis agresiva".
A operación está relacionada coa que hai uns días permitiu desartellar outro clan que ocupara unha casa no barrio da Milagrosa. Con estas novas detencións, dáse por desarticulada unha rede de usurpación de vivendas para a venda de droga que operaba na capital luguesa.
"Foron dous clans diferentes, que se dan por desarticulados. Isto non quere dicir que non se siga controlando, posto que se fai un seguimento da zona por se se volve producir esta forma de venda".
Dos tres novos detidos, dous foron postos en liberdade, mentres que o líder da banda ingresou en prisión.