Comisan varias armas nun punto de venda de droga en Santiago
A Policía destaca "a importante colaboración" dos veciños nesta operación
A Policía Nacional desarticulou un punto de venda de droga en Santiago de Compostela, e detivo o presunto responsable e comisou substancias estupefacientes e armas nunha vivenda do barrio das Fontiñas.
A investigación foi realizada nos últimos meses polo grupo de Estupefacientes da Brigada de Policía Xudicial por mor das numerosas actuacións policiais da Brigada de Seguridade Cidadá.
De feito, a Policía destaca nun comunicado a "importante colaboración" dos veciños nesta operación, que achegaron información de gran valor para a investigación.
A operación policial culminou o pasado mércores día 12 cando os axentes entraron de maneira sorpresiva no domicilio de madrugada, onde interviñeron substancias estupefacientes, concretamente cocaína, repartida en distintos envoltorios, que podería dar lugar a máis de 500 dose.
Tamén se interviñeron básculas de precisión e outros útiles, unha arma de fogo corta tipo revólver, unha escopeta tipo carabina, armas brancas e un machete; á parte de diñeiro en euros e en moeda de diferentes países, como Vietnam, Marrocos, os Estados Unidos, Uzbequistán ou A Arxentina.
Ademais, os axentes recuperaron varios aveños, nalgún caso na súa embalaxe orixinal intacta, que presumiblemente poderían proceder roubos, actuando como receptador o usuario do piso a cambio de drogas, indícase no comunicado.
O detido pasou á disposición do Xulgado de Instrución de garda.