Deteñen un adestrador en Ourense por presuntos abusos sexuais a unha menor
O xulgado decretou a súa posta en liberdade coa prohibición de achegarse e comunicarse coa menor

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron un home de 69 anos, que é adestrador, como suposto autor de abuso sexual a unha menor durante a práctica dunha actividade deportiva.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o xulgado decretou a súa posta en liberdade “con prohibición de achegarse e comunicarse coa menor” e a obriga de comparecer “cando sexa chamado”. O home está a ser investigado por un suposto delito de abusos sexuais.
Fontes policiais indicaron que o home se valía da súa condición de adestrador para abusar da menor nun local do lugar de adestramento.
Os feitos tiveron lugar o pasado mes de outubro, aínda que a menor non contou o sucedido aos seus pais “ata o día 19 de decembro”, momento en que a familia interpuxo a denuncia.
Estas mesmas fontes indicaron que o home, aproveitando a súa condición de adestrador, pediulle que lle acompañase a un local de adestramento “en dúas ocasións” e abusou dela. Así, aproveitándose da súa situación de superioridade, realizoulle tocamentos.
Por mor destes feitos, axentes do grupo da UFAM abriron unha investigación que rematou o mércores coa detención do home como presunto autor dun delito de abuso sexual.