Detectados os primeiros casos de coinfección de covid e gripe en Galicia
Tamén apareceron casos de infección mixta co virus VRS, o que causa a bronquiolite
Xa se detectaron en Galicia os primeiros casos de infección mixta: positivos en covid que teñen tamén o virus da gripe ou da bronquiolite.
Para Benito Regueiro, xefe do servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, a coexistencia dos virus é "unha boa nova", porque "a interferencia que causaba o coronavirus está diminuíndo".
O ano pasado o coronavirus conseguiu eliminar da circulación os outros virus respiratorios. Por iso, que este ano interfira menos, é unha pista de que vai perdendo forza.
As infeccións mixtas indican que o coronavirus vai camiño do futuro que se lle prevé: quedar convertido nun virus respiratorio máis, que infecte con menos carga e sexa entón menos grave.
Os casos de coinfección que detectaron ata agora non revestiron síntomas graves.