Desmantelan un laboratorio que fabricaba 10.000 pastillas de éxtase á hora
Unha máquina intervida permitía a elaboración das pastillas
Hai 35 persoas detidas e incautáronse de 158.00 pastillas de éxtase e de máis de 40.000 euros
Axentes da Policía Nacional localizaron na localidade murciana da Unión un laboratorio clandestino, no que se incautaron dunha máquina capaz de fabricar 10.000 pastillas de éxtase por hora. Tamén encontraron dúas impresoras 3D coas que confeccionaban os moldes e anagramas das mesmas.
A investigación comezou en 2021 e desenvolveuse en catro fases. Permitiu desmantelar unha organización criminal asentada no Levante e dedicada á elaboración, adulteración e posterior distribución de substancias estupefacientes de síntese.
A operación rematou coa detención de 35 persoas e a aprehensión de 158.00 pastillas de éxtase e máis de 40.000 euros.
Houbo diferentes rexistros nas sucesivas fases e caeu tamén o líder da banda delituosa, ademais de procederse á incautación de droga, cartos e vehículos.