Consumo recomenda reclamar ante as anomalías na recepción das facturas da luz
Centos de galegos denuncian atrasos na emisión dos recibos
Os problemas orixináronse cando cambiou o cálculo dos custos
Centos de galegos están afectados polos atrasos na factura da luz, con anomalías na recepción dos recibos, atrasos ou acumulación de varios meses, segundo denuncian cidadáns consultados e corrobora a xerente do Insituto Galego de Consumo, Sol Vázquez. "Ou ben non están recibindo a factura ou lles chegaron ao seu domicilio tres, catro ou cinco facturas xuntas", explica.
O cambio no cálculo dos custos da factura foi a orixe dos problemas na emisión dos recibos. Rexistráronse fallos nos sistemas informáticos ou nos contadores que levaron a algunhas empresas a facer lecturas estimadas do consumo.
Desde o IGC aconsellan reclamar. "Poden solicitar o pago fraccionado, pero tamén que haxa unha compensación porque o consumidor ten dereito a recibir mes a mes a factura", sinala Sol Vázquez.
As indemnizacións poden chegar ata os 30 euros por cada mes de atraso.