Publicador de contidos

Publicador de contidos

Baixan as hospitalizacións pola covid e a incidencia nos maiores de 60 anos

Baixan as hospitalizacións pola covid e a incidencia nos maiores de 60 anos

Rexístrase a cifra máis baixa de hospitalizacións do mes de maio

Este sábado notificáronse dez falecementos de persoas contaxiadas

Descenden as hospitalizacións pola covid en Galicia
G24.gal 21/05/2022 13:32 Última actualización 21/05/2022 13:53

Os datos proporcionados pola Consellería de Sanidade amosan un descenso de hospitalizacións nestes últimos días, e a cifra deste sábado, 610 en total, é a máis baixa do mes de maio.

Os ingresados en planta están por debaixo dos 600 despois dun mes superando ese dato e hai cinco pacientes críticos menos ca onte nas UCI, aínda que nestas unidades seguimos por enriba dos 20.

A Coruña continúa sendo a área de maior presión, tanto nas unidades de coidados intensivos, con 8 pacientes, como en planta, con 145.

O número de vítimas con covid aumentou nas últimas horas con 10 falecidos e no que vai de mes en Galicia rexistráronse 129 mortes. Os expertos  insisten en que a cifra segue sendo alta mentres o virus circula e Juan García, virólogo no CHUO, compara os datos cos da gripe a nivel estatal:

"O mes pasado morreron en España 3.600 persoas. Nun ano epidemiolóxico de gripe morren entre 5.000 e 6.000 persoas ao ano. Estámolos concentrando nun mes e polo tanto hai que ter moito coidado. Como dicimos nós, un virus circulante é un virus infectante".

A incidencia acumulada nos últimos 14 días en maiores de 60 anos descende con respecto á semana pasada aos 1.026 casos por cada 100.000 habitantes desta idade. Segue por enriba da media estatal que non chega aos 850 casos.

A cifra de pacientes con infección activa notificados supera os 11.600. En canto aos contaxios, hai 1018 casos novos de persoas de risco en seguimento médico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar