Desartellada unha banda que traía mulleres de Colombia para a súa explotación sexual en España
A rede captara máis de medio cento de mulleres que foron liberadas por efectivos da Garda Civil
A operación desenvolveuse entre España e Colombia, e, amais da captación, o grupo criminal extorsionaba os familiares das vítimas
Unha muller no momento de ser liberada pola Garda Civil
Polo menos 50 mulleres colombianas foron captadas no seu país por unha rede criminal que as traía a España para a súa explotación sexual e que, mesmo, utilizaba sicarios para ameazalas, pero unha operación conxunta da Garda Civil e a Policía dese país suramericano conseguiu desarticular esa organización.
Foi grazas ao primeiro Equipo Conxunto de Investigación (ECI) creado a nivel xudicial entre un país europeo e Colombia, un "fito" na historia xudicial de España, como explicou este venres en conferencia de prensa o xefe da Garda Civil en Galicia, Miguel González Arias.
A operación Estorque, tal como é coñecida, rematou coa detención de sete persoas membros dunha rede que non dubidaba en extorsionar e coaccionar as familias das vítimas e que podería explotar máis de 50 mulleres no últimos catro anos, con beneficios de entre 25.000 e 35.000 euros por cada unha delas.
O equipo conseguiu de maneira coordinada trasladar a lugar seguro varias vítimas e familiares fóra da acción da organización, cuxo sistema financeiro e branqueo de capitais tamén foi desmantelado en Colombia, lugar de destino dos beneficios procedentes da explotación sexual das vítimas.
Denuncia dunha vítima
A operación iniciouse a finais de 2021 grazas á "valente" denuncia dunha vítima, agora testemuña protexida, que relatou como foi captada en Colombia por esta organización mediante engano e aproveitándose da súa situación económica e familiar.
Esta muller, segundo explicaron os investigadores, non quería pagar máis diñeiro á rede pola débeda que supostamente as vítimas contraían coa organización e porque non quería que lles pasase a máis mulleres. Nunha saída para enviar o diñeiro, chamou unha "boa persoa" e explicoulle a súa situación.
As vítimas, de entre 18 e 25 anos, estaban 24 horas "enganchadas" ao teléfono, case sempre encerradas nun cuarto con chave. A cada muller captada, a organización impoñíalle unha débeda -á denunciante de 12.000 euros- polo traslado a España e outros gastos, pero moitas delas chegaban a pagarlles ata dez veces máis a través dos seus familiares, aos que a rede extorsionaba.
Segundo as pescudas dos investigadores, as vítimas eran captadas con falsas promesas dun traballo de camareiras e eran traídas a diferentes provincias españolas para que exercesen a prostitución en pisos privados.
En España actuouse nas provincias da Coruña, Toledo e Cáceres, onde foron liberadas tres potenciais vítimas de explotación. Ademais, foron detidas catro persoas -dúas en Santiago de Compostela, unha en Cáceres e outra en Xixón-, ás que se lles imputan os delitos de tráfico de seres humanos para explotación sexual, branqueo de capitais e pertenza a organización criminal.
En Colombia foron arrestadas tres persoas, en concreto en Medellín. Entre elas, o xefe e máximo expoñente deste grupo criminal, encargado de controlar todas as fases de captación, traslado e explotación das vítimas. Igualmente, emitiuse unha orde internacional de detención contra outra muller integrante da organización asentada en Ecuador, acusada de captar a algunhas das vítimas.
Extorsión
Se as vítimas non pagaban, eran os membros do clan Os Pachelly quen ameazaba e, mesmo, utilizaban a violencia contra os familiares directos daquelas para acabar con calquera reticencia no pago. Os Pachelly teñen fortes vinculacións con outros históricos clans criminais, como o clan do Golfo.
Ao mesmo tempo que se executaban as actuacións en ambos os países, o equipo conxunto conseguiu trasladar de forma segura a España o fillo da denunciante, en coordinación entre as autoridades colombianas e españolas e unha ONG. De feito, non se quixo dar a coñecer o resultado desta operación ata que o neno e outros familiares estivesen seguros.
Tanto a Garda Civil como a Fiscalía valoraron o resultado do equipo conxunto, que pode abrir este modelo de investigación a máis operacións. Pero sobre todo fixeron fincapé na protección das vítimas como obxectivo prioritario. A fiscal de sala lembrou que Colombia encabeza, desde a pandemia, a lista de países onde se captan máis mulleres explotadas sexualmente en España, aos que seguen Paraguai, O Brasil, Venezuela Romanía e Nixeria.