O mal tempo obriga a suspender a busca do avión desaparecido en Nepal con 22 persoas a bordo
Entre os pasaxeiros hai seis estranxeiros, catro da India e dous alemáns
Realizaba a viaxe entre Pokhara e Jomsom

As autoridades nepalís buscan un avión da compañía Atra Air con 22 persoas a bordo que desapareceu dos radares contra as oito da mañá deste domingo, hora galega. O mal tempo obrigou a suspender os traballos de busca ata o luns.
No aparello ían 19 pasaxeiros e tres tripulantes. Operaba o voo entre Pokhara e Jomson e desapareceu aos poucos minutos de engalar.
Un helicóptero xa realizaba traballos de busca da aeronave na zona onde se estableceu o ultimo contacto.
Entre os pasaxeiros hai seis estranxeiros, catro indios e dous alemáns. Un controlador aéreo afirma que investigan un informe sobre un ruído forte nunha zona denominada Ghasa, para intentar localizar o avión.
Nepal, con accidentes aéreos frecuentes, foi obxecto reiteradamente de sancións internacionais por mor da falta de controis. A Unión Europea veta o acceso ao seu territorio ás compañías nepalís desde 2013.