Desaloxan unha festa ilegal nunha nave do polígono coruñés da Grela
Festas ilegais tamén nos locais do Grove
A aparente calma que vive hoxe o polígono industrial da Grela, na Coruña, contrasta co que se detalla no informe policial da pasada fin de semana. Houbo que desaloxar unha nave onde se estaba a celebrar unha festa ilegal e multitudinaria. Segundo os axentes, un espazo que non tiña licenza de discoteca. No interior había xente sen máscara, sen respectar a distancia de seguridade e cun exceso de ocupación.
No Grove, froito da campaña de control do ocio nocturno posta en marcha esta semana polo concello, foi denunciado un local de copas. Triplicaba a ocupación máxima que tiña permitida.
A outra cara atopámola en Santiago, porque veciños da rúa Alfredo Brañas celebran estes días unha gran vitoria xudicial. Unha das discotecas que sinalan como orixe de boa parte dos incidentes nocturnos dos últimos meses vai ter que reducir drasticamente a súa ocupación.
Anuncian que seguirán loitando ata conseguir o peche definitivo.