Desactivan o nivel 2 no incendio de Oia, a onde xa poden regresar os campistas desaloxados
Mantense o nivel 2 no incendio de Vilaboa, onde foron desaloxadas 14 persoas
Nos dous incendios activos na provincia de Pontevedra arderon 90 hectáreas
Na provincia de Pontevedra, desactivouse o nivel 2 en Oia, onde o xoves declarouse outro incendio forestal que obrigou a desaloxar de maneira preventiva a 45 persoas dun cámping en Mougás.
No caso do incendio de Oia-Mougás, que leva 40 hectáreas calcinadas, as medidas adoptadas polos efectivos de extinción finalizaron con éxito, polo que se procedeu coa desactivación da situación 2.
Os desaloxados xa puideron volver ás instalacións, aínda que algunhas decidiron quedar no cámping de Santa Trega, na Guarda.
A estrada PO-552 ao seu paso pola zona de Mougás, en Oia, foi reaberta ao tráfico á primeira hora deste venres, tras varias horas de corte debido ao incendio que afecta a esta parroquia.
Incendio de Vilaboa
O incendio forestal que afecta a Santa Cristina de Cobres segue tamén activo e cunhas 50 hectáreas de terreo calcinadas.
Neste incendio mantense activada a situación 2 de alerta pola proximidade do lume a zonas habitadas e, de feito, foi necesario desaloxar a 14 persoas de Paradellas.
Segundo confirmou o alcalde de Vilaboa, César Poza, desde a pasada madrugada os veciños xa teñen permiso para regresar ás súas casas.
"Onte facíase insufrible estar alí, sobre todo polo fume", explicou o rexedor.
A Xunta informou de que os medios acumulados neste incendio son 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 19 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 4 helicópteros e 8 avións.
Entre os medios de extinción e control despregados, atópanse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) do Exército.
A previsión é, segundo explicou César Poza, nas próximas horas poida quedar perimetrada a área do incendio, e aínda que sinalou que parece "relativamente controlado", apelou á prudencia ata saber como evoluciona a situación "cando empezo a quentar o sol".