Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os catro incendios activos en Galicia queimaron case 3.000 hectáreas en dous días

Os catro incendios activos en Galicia queimaron case 3.000 hectáreas en dous días

Desactivado o nivel 2 no distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro

Xuntanse os incendios de Laza e Chandrexa de Queixa, queimando arredor de 2.100 hectáreas

Só hai constancia de danos en vivendas deshabitadas no núcleo de Trabazo

G24.gal 11/08/2022 19:27 Última actualización 11/08/2022 21:48

A situación 2 desactivouse ás sete de esta tarde no distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro. As tarefas de extinción evolucionan favorablemente cara á estabilización dos dous incendios que levan queimadas 800 hectáreas.

Unha das hipóteses que se baralla das causas dos incendios nesta zona é que as provocaran chispas xeradas polo roce do tren contra as vías. Non sería algo inédito. Xa se deu un caso antes que chegou a litixio e obrigou a Renfe a indemnizar os propietarios duns montes do Irixo. 

O lume nos concellos de Boborás e O Carballiño, que xa está estabilizado, máis o declarado no veciño do Irixo queimaron 800 hectáreas de monte nunhas poucas horas. Mesmo houbo risco para zonas poboadas e desaloxos preventivos nalgunhas aldeas.  

"A situación foi tensa porque tivemos o lume a un 30 metros da casa", conta un dos veciños que pasou a noite esperto.

Medios aéreos e terrestres seguiron traballando na zona, en tarefas de extinción, arrefriando o terreo onde xa non había lume e atallando calquera reprodución.

Está claro que as condicións meteorolóxicas e a situación de abandono do monte contribuíron a espallalo. Sobre como se orixinou, unha das hipóteses que se baralla é que o provocaran as chispas xeradas polo tren contra as vías.

"Hai unha secuencia lineal no que son os focos. Empezou as catro da tarde no Carballiño e segundo ía o tren pasando ían prendendo", explicaba Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.

O alcalde do Irixo está de acordo en que esta pode ser a orixe dun dos incendios que afectaron o seu concello, pero considera que o que causou máis problemas xurdiu noutra zona e puido non ser accidental.

A situación 2 xa se desactivou en todo o distrito. Só hai constancia de danos en vivendas deshabitadas no núcleo de Trabazo.

"A min queimóuseme unha casa e a maioría das propiedades. Tiña 20 hectáreas", conta unha moza mentres mira incrédula o que queda da vivenda.

Este ano arderon en Galicia 40.000 hectáreas de monte. Case 8.000 só no que vai de mes de agosto.

Aínda segue activo, tamén na provincia de Ourense, o que arrasou 2.100 hectáreas no Macizo Central ao xuntarse un incendio iniciado en Laza o martes con outro en Chandrexa de Queixa. Quedou controlado o de Carballeda de Valdeorras tras arrasar 440 hectáreas.

O incendio de Laza e Chandrexa únense nun só

A choiva rexistrada onte en forma de tormentas, moi esperadas, contribuíron de forma decisiva a frear o avance dos incendios, algúns de gran virulencia e que tiñan varios focos, como ocorreu co caso de Laza, na parroquia de Camba.

Na actualidade, a Xunta de Galicia elevou a superficie ás 2.100 hectáreas tras unir este incendio ao rexistrado en Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa, un dato que é aínda provisional, e que o satélite europeo Copernicus eleva ás 3.200 hectáreas en Laza e 424 no caso de Chandrexa.

Incendios na provincia de Ourense

Tamén na provincia de Ourense permanecen activos outros dous lumes rexistrados en Boborás e O Irixo, que queimaron respectivamente 120 e 680 hectáreas. No caso de Irixo, participan no seu control vinte axentes, dous técnicos, 59 brigadas, 43 motobombas, dez avións e trece helicópteros.

Doutra banda, a Xunta informou dun novo incendio rexistrado en Vilariño de Conso na parroquia de Sabuguido, que empezou ás 17:39 horas e foi dado por controlado ás 18:55 que queimou 0,21 hectáreas, todas elas dentro do parque natural do Invernadoiro, fortemente castigado no último mes por diferentes incendios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade