Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a demolición da fachada do edificio que se derrubou no barrio ferrolán de Esteiro

Comeza a demolición da fachada do edificio que se derrubou no barrio ferrolán de Esteiro

Tras o colapso do edificio, que estaba deshabitado, procedeuse a unha derruba controlada

G24.gal 28/02/2024 20:05 Última actualización 28/02/2024 21:07

Un guindastre acabou de demoler, de xeito controlado, a parte da fachada que quedou en pé do inmoble que se derrubou na tarde do martes no barrio de Esteiro, en Ferrol. O inmoble estaba deshabitado e pendente do comezo dos traballos para a súa rehabilitación. Foron os veciños os que alertaron da aparición dunha gran fenda na parede medianeira aos técnicos encargados da rehabilitación. Porén, o colapso foi inminente.

"Isto vai caer porque está caendo terra pola fenda, empezou a botar terra. A casa comezou a dar avisos", di un veciño.

Os cascallos caeron á calzada e varios coches que estaban aparcados quedaron practicamente soterrados. Afortunadamente non hai que lamentar danos persoais. Os veciños do edificio do lado foron desaloxados e o concello facilitoulles un hotel.

"Víase vir, estaba con moitas fendas e o temporal destes días pasados... estas casas duran dous mil anos se non lles entra auga, pero como lles entre auga...", afirma un veciño.

Este é o terceiro edificio que se derruba neste barrio de Esteiro. O Concello abriu ata dez expedientes nos últimos meses polo mal estado das vivendas.

"Que o máis probable que o muro medianeiro se desprazase por mor das fortes chuvias das últimas semanas, por iso caeu todo embaixo. Quedou parte da fachada en pé", sinala a concelleira de Urbanismo de Ferrol.

Tamén se vai proceder á inspección do edificio lindeiro para comprobar a súa estabilidade antes de permitir a volta dos veciños desaloxados ás súas casas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos