Publicador de contidos
Publicador de contidos

Derrúbase a fachada do antigo edificio da Bolsa de Conpenhague

Derrúbase a fachada do antigo edificio da Bolsa de Conpenhague

O colapso prodúcese dous días despois dun incendio que afundiu o seu teito

G24.gal 18/04/2024 18:34

A fachada do histórico antigo edificio da Bolsa de Copenhague, que sufriu graves danos por un incendio hai dous días, derrubouse este xoves.

"Por desgraza, a fachada que dá á canle de Frederiksholm colapsou", sinalaron na súa conta na rede social X os servizos de emerxencia. O edificio fora evacuado e non houbo feridos.

As autoridades informaran este mércores de que se ían colocar varios contedores cheos de cemento no exterior dos muros, pero non lograron completar a operación antes da derruba.

"O ocorrido fai que vaiamos volver analizar todo. Claro que hai un risco de que haxa máis colapsos", afirmou en conferencia de prensa o xefe do operativo, Tim Ole Simonsen.

Aínda que se deu por controlado o incendio o mesmo martes, unhas oito horas despois do seu inicio, os labores de extinción das últimas brasas continúan, unha operación que se complicou pola derrubea do teito de cobre.

O lume arrasou a metade do edificio, do século XVII e causou a derruba de parte do teito e da icónica agulla da súa torre, aínda que centos de obras de arte do seu interior puideron salvarse.

A fachada e o teito estaban a ser restaurados.

A policía, que aínda non puido examinar o lugar do sinistro, admitiu onte que a investigación para pescudar as causas do incendio poderíase demorar "varios meses".

Trátase dun dos edificios máis antigos que se conservan en Copenhague, construído entre 1619 e 1623 por orde do rei Christian IV de Dinamarca e que funcionou como bolsa da cidade ata 1974.

A dirección da Cámara de Comercio Danesa, propietaria do inmoble, asegurou que o edificio será restaurado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade