Dépor e Fiorentina asinan un empate sen moita luz (1-1)
Adiantáronse os italianos cun bo gol de volea de Ndour
Empatou Nsongo Bil logo dunha cesión nos últimos minutos
O Deportivo da Coruña enfrontábase esta tarde en Italia ao rival de maior nivel de toda a pretemporada e a esixencia viuse desde o primeiro minuto.
Na primeira metade, os coruñeses apenas dispararon a portería nunha ocasión; o control do partido era dos locais, que chegaban con perigo á portería, defendida nesta ocasión por Álvaro Ferllo. Nunha boa xogada da Fiorentina chegou o primeiro gol, por medio de Ndour, que remata cunha volea dentro da área no cuarto de hora de xogo. Despois do gol a tónica foi a mesma, con dominio dos italianos. O partido estivo parado seis minutos por mor dun apagón no Viola Park.
Xa na segunda metade o Dépor comezou a chegar con máis intención á portería de De Gea, que foi substituído no 62 por Christensen. A máis clara chegou nun cabezazo de Villares a centro de Quagliata que bateu no longueiro. As ocasións non se materializaban e todo parecía conducir cara a vitoria local. Porén, nos últimos minutos, a defensa, acosada por un enérxico Kevin Sánchez, dá un pase cara o porteiro, que colle o balón coas mans. O árbitro pita cesión e Nsongo Bil materializa o libre indirecto con algo de sorte.
O partido valeulle a Antonio Hidalgo para seguir probando xogadores de cara ao comezo da liga. Hoxe participaron ata 21 xogadores do Dépor. A boa nova é que os coruñeses seguen sen perder nesta pretemporada. O próximo asalto italiano será o sábado ante o Xénoa.