Denuncian insalubridade á beira do río no barrio de Paradai, en Lugo
Ante a presenza de ratas e doutras especies daniñas, a veciñanza reclama a limpeza da maleza
A presenza de ratas motivou as queixas dos veciños do barrio de Paradai, en Lugo. Segundo sinalan, os roedores, xunto cos outros animais daniños, proliferan entre as silvas na contorna do río Rato.
"Hai moita maleza, que leva moitos anos sen rozarse. Antes rozábaa a Deputación, pero agora distinguen as parcelas públicas e as privadas, que quedan sen facer, e isto implica moitas ratas e culebras", explica Christian Fernández, presidente da asociación de veciños Barrio de Paradai.
A veciñanza afectada reclama, por tanto, que se adecente o tramo do parque periurbano que discorre á beira das vivendas en Paradai de Abaixo. Os residentes demandan que os farois instalados dean luz e que se roce a maleza inzada de ratas.
"Aquí o primeiro que hai que facer é unha limpeza íntegra da zona. Despois tamén temos a iluminación pública, que non funciona, e hai que decatarse de que a beira do Rato é moi transitada e pasa moita xente. E ademais, temos uns edificios ao lado, polo que pedimos unha roza, unha limpeza e que funcionen os farois", sinala o voceiro veciñal.
Doutra banda, dende a asociación de veciños deste barrio lugués piden un ascensor. A instalación salvaría as decenas de metros de desnivel que separan Paradai de Abaixo de Paradai de Arriba.