Publicador de contidos

Publicador de contidos

Decretan a apertura de xuízo oral na peza principal da operación Pokémon

Decretan a apertura de xuízo oral na peza principal da operación Pokémon

Once investigados e dúas empresas serán xulgados por supostas irregularidades na concesión do servizo de guindastre municipal

Francisco Fernández Liñares, ex tenente de alcalde de Lugo Francisco Fernández Liñares, ex tenente de alcalde de Lugo
G24.gal 23/11/2022 18:57 Última actualización 23/11/2022 21:25

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo decretou a apertura de xuízo oral a once investigados na peza principal da operación Pokémon. Tamén a dúas empresas, polas supostas irregularidades cometidas na concesión do servizo de guindastre municipal por parte do Concello de Lugo á compañía asturiana Cechalva, en 2005, así como pola suposta existencia dunha caixa B na empresa para pagar os subornos pactados.

Entre as once persoas que sentarán no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo figura o expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e extenente de alcalde do Concello de Lugo, Francisco Fernández Liñares.

A fiscalía acúsao de cometer delitos de suborno, prevaricación, branqueo de capitais e violación de segredos por parte dun funcionario público. Por iso, solicita que sexa condenado a nove anos e medio de cárcere, ao pago dunha multa de 950.000 euros e á inhabilitación para emprego ou cargo público durante 32 anos.

Para a persoa que supostamente actuaba como intermediaria entre a empresa Cechalva e o político implicado piden sete anos e oito meses de cárcere por aproveitamento de información privilexiada, suborno, falsidade en documento mercantil e contable.

Dos mesmos delitos están acusados tres socios da empresa, para quen o fiscal esixe penas de entre dous e sete anos de prisión.

Outras dúas persoas investigadas están acusadas de cometer un delito de falsidade en documento mercantil, polo que se enfrontan, respectivamente, a unha petición de seis meses e dun ano e nove meses de cárcere.

Por último, o Ministerio Público solicita tres anos e medio de cárcere para un acusado dun delito de branqueo de capitais; e, para outro sospeitoso do mesmo delito, catro anos de prisión.

Ademais, para cada unha das dúas empresas implicadas, demanda o pago dunha multa de 4.050 euros e a inhabilitación por un prazo de sete meses para obter subvencións e axudas públicas, para contratar no sector público e para gozar de beneficios e incentivos fiscais ou da Seguridade Social.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos