Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tirapuxa para demostrar se o crime das Gándaras foi homicidio ou asasinato

Tirapuxa para demostrar se o crime das Gándaras foi homicidio ou asasinato

As acusacións céntranse en demostrar que Francisco Javier Belda e Clara María Expósito mantiñan unha relación sentimental e que el a matou actuando con aleivosía

A defensa mantén que se trata dun homicidio cometido baixo os efectos do alcol e as drogas

Félix Aragunde 05/07/2022 13:49

Continúa o xuízo polo crime das Gándaras, que se está a celebrar na Audiencia Provincial de Lugo. Unha vez que o acusado recoñeceu que matara a vítima a coiteladas no pescozo, as diversas acusacións céntranse en demostrar que Francisco Javier Belda e Clara María Expósito mantiñan unha relación sentimental e que el acabou coa vida dela actuando con aleivosía.

Cristina Martínez, avogada dunha das acusacións particulares: "O que se discuten son as agravantes. A aleivosía, que é o que cambia dun homicidio a un asasinato; a de xénero, que é o que pedimos dúas das acusacións, e a de parentesco, en que coincidimos todas as acusacións".

Francisco José Lago, avogado dunha das acusacións populares: "El di que non era consciente do que estaba facendo, que foi ela quen intentara agredilo e que cría que a estaba golpeando co mango, pero que o fixera co gume do coitelo. A cuestión é que a degolou". 

Fernanda López, avogada dunha das acusacións particulares: "É moi fácil pedir perdón despois do que fixo. Está no seu dereito de dicir o que queira, pero hai que lembrar sempre que o acusado pode mentir".

Nesta segunda xornada do xuízo, declararon os policías que inspeccionaron a vivenda da vítima. Segundo a xefa de garda, o chan do corredor estaba fregado e a arma homicida apareceu semienterrada á beira mesmo da casa. 

Malia estes indicios, a defensa do acusado mantén que se trata dun homicidio cometido baixo os efectos do alcohol e das drogas.

Jacobo Vázquez, avogado da defensa: "Hai un delito de homicidio, e estamos intentando demostrar que as probas documentais e periciais que obran en autos son positivas no noso interese".

Se a defensa solicita que se exima o acusado do delito de asasinato, a fiscalía e as acusacións piden 25 anos de cadea e o pagamento de centos de miles de euros á familia da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade