Publicador de contidos

Publicador de contidos

Declaran as tripulacións dos barcos rescatadores no naufraxio do Villa de Pitanxo

Declaran as tripulacións dos barcos rescatadores no naufraxio do Villa de Pitanxo

Os traxes e as balsas recuperadas en Terra Nova tamén se incorporan á investigación do afundimento

G24.gal 21/03/2022 14:34

Esta fin de semana chegaron a Galicia dous dos pesqueiros que participaron na operación de rescate da tripulación. O testemuño dos seus mariñeiros pode axudar tamén a esclarecer as circunstancias do naufraxio, ou polo menos iso agardan as familias das vítimas.

Precisamente hoxe o patrón do arrastreiro que rescatou os náufragos e varios cadáveres foi citado no cuartel da Garda Civil de Cangas, para comparecer perante o mesmo equipo da Policía Xudicial que na xornada de onte, domingo, lles tomou declaración aos mariñeiros que compartiran camarotes cos tres superviventes.

Na mesma xornada do domingo toda a tripulación do Playa Menduíña II compareceu perante a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos a bordo do pesqueiro e antes mesmo de que puidesen desembarcar.     

Un correo electrónico dirixido ao barco o día anterior avisou a tripulación da presenza da Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos e da Policía Xudicial á súa chegada ao peirao de Cangas. Os técnicos ministeriais entrevistáronse un por un cos 25 mariñeiros e co observador científico que ían a bordo do Playa Menduíña 2.

O derradeiro foi o patrón, quen ata pasadas as 9 da noite do domingo non puido abandonar o barco. As familias das vítimas do Villa de Pitanxo acudiron a recibilos en agradecemento pola súa axuda.

O capitán do Playa Menduíña 2 cumpriu aínda cunha citación máis na xornada do luns perante o mesmo equipo da Policía Xudicial que xa interrogara a bordo os mariñeiros que compartiran camarotes cos superviventes. Deles tres, só Samuel Kwesi acudiu ao funeral oficiado en Marín polos falecidos e desaparecidos no afundimento.

Ademais do relato das testemuñas, á investigación tamén se suman os traxes e as balsas do pesqueiro naufragado recuperadas en Terra Nova e que xa están baixo custodia da Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade