Unhas 9.000 persoas abandonan Santorini en alerta polos sismos que sacoden as illas gregas
Os barcos cara a Atenas están cheos e a aeroliña grega Aegean anunciou que engadirá voos extraordinarios
As escolas permanecen pechadas nas illas de Santorini e Amorgos, e Protección Civil enviou mensaxes para que a poboación extreme as precaucións

Unhas 9.000 persoas abandonaron xa a illa grega de Santorini por temor aos terremotos de magnitude ata 4,8 que dende hai días sacoden o arquipélago das Cícladas.
Durante a madrugada e a mañá deste martes rexistráronse máis de 50 terremotos na zona marítima entre as illas de Santorini e Amorgos, onde o pasado día 24 de xaneiro iniciouse unha elevada actividade sísmica que produciu máis de 600 tremores, que puxeron en alerta as autoridades.
Segundo o Instituto Xeodinámico de Atenas, a 18 quilómetros ao suroeste de Amorgos rexistrouse un tremor de 4,8 de magnitude, mentres que menos dunha hora despois outro de 4,7 sacudiu novamente esta illa e a de Santorini, motivo polo que o Goberno decidiu pechar as escolas das illas ata o vindeiro venres, mentres que en polo menos outras nove illas do arquipélago, onde tamén se senten os tremores, suspendéronse hoxe as clases.
Onte, na illa de Santorini, duns 25.000 habitantes e un dos destinos máis turísticos de Grecia, producíronse grandes atascos de tráfico nas rúas que conducen cara ao porto e o aeroporto, mentres miles de aldeáns, traballadores e turistas trataban de abandonar a illa.
De feito, os avións e transbordadores chegan a Atenas completamente cheos, mentres que unha gran multitude de xente permanecía ata esta madrugada no porto para poder embarcar nalgún dos barcos con destino á capital grega.
Protección Civil enviou o pasado luns unha mensaxe de alerta nos móbiles das persoas que se atopan en Santorini sinalando que existe un alto risco de corrementos, polo que se prohibe o acceso a certas praias e portos da illa.
O Goberno xa emitira o pasado sábado unha alerta de elevada actividade sísmica e pediu aos habitantes das zonas afectadas evitar reunirse en espazos pechados e achegarse a edificios abandonados.
O primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, pediu onte aos insulares "que manteñan a calma" e sinalou que as autoridades están "a tratar de xestionar un fenómeno xeolóxico moi intenso".
Á illa acudiron por precaución equipos especiais dos bombeiros, aínda que ata o momento non se produciron danos, excepto algunhas escorreduras de terra na caldeira da illa.
Os expertos aseguran que a actividade sísmica dos últimos días non está vinculada ao volcán de Santorini, senón a fallas submarinas da zona, aínda que ata o momento non se pode saber se a situación irá a máis ou se tranquilizará.
Estas cinco fallas, de máis de 20 quilómetros cada unha, poden producir terremotos de ata 7,3 de magnitude, como o que se rexistrou preto de Amorgos en 1956, e que produciu un tsunami de 30 metros e que causou a morte de 53 persoas.
Segundo o censo do 2021, Santorini ten 15.000 residentes, aínda que se estima que hai outros 10.000 habitantes fixos non rexistrados, e Amorgos uns 2.000, aos que habería que sumar os turistas, cuxo número é aínda escaso, debido a que aínda non chegou a tempada estival.