De la Barrera: "É unha final. Temos que ir a mandar e a que estean incómodos"
De la Barrera: "É unha final. Temos que ir a mandar e a que estean incómodos"
Ao Deportivo válelle gañar ou empatar e calquera derrota condenaríao
Rubén de la Barrera compareceu este venres na sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo para analizar o partido de volta da primeira eliminatoria de ascenso a Segunda División.
O Deportivo afrontará o partido de Castalia co 1-0 de renda que conseguiu en Riazor. Válelle gañar ou empatar e calquera derrota condenaríao. O gol de Max Svensson en Riazor pasou a vantaxe do Castelló, como mellor clasificado da fase regular, ao cadro herculino.
"O contexto variou. Antes da ida, o Castelló estaba lixeiramente por diante e agora estamos nós. Con esa ilusión imos a Castalia, a condición de visitante tennos que empuxar, obrigar a ofrecer o mellor dos rendementos, levar o partido cara ao noso interese", indicou o técnico.
O preparador coruñés avogou por "manterse estables a nivel emocional e táctico" en Castalia ante todas as dificultades que poidan producirse no camiño.
"É unha final. Hai que competila de forma estable e segura. Temos que ir a mandar e a que estean incómodos".
Deixou claro, ademais, que ten "confianza máxima no que se propón e nos futbolistas" dos que dispón.
Destacou, igualmente, "o empuxe anímico que supoñería clasificarse en Castelló, que sería moi importante". E, como non, eloxiou á afección branquiazul, que fixo garda para conseguir unha entrada.
"É algo incrible. Entre os millóns de motivos que temos, un dos principais é ese, o apoio da nosa xente. Houbo xente que non dorme e pasa a noite alí para conseguir unha entrada e é admirable", declarou.