Dava Torres marca o gol que mete o Liceo na semifinal de Copa 5 segundos antes do final
O equipo galego gañoulle ao Igualada por 5-4 despois dun partido no que houbo constantes alternativas
Enfrontarase este sábado (18:15 Agalega.gal) ao Reus que eliminou o Calafell
Apareceu o capitán Dava Torres a cinco segundos do final do encontro de cuartos de final de Copa diante do Igualada para meter o Liceo nas semifinais. Cando todo o mundo agardaba a prórroga sacou un gran lanzamento que entrou pola escuadra da porta de Torrens e poñía o definitivo 5-4.
Dava, cunha tripla goleadora, foi o gran protagonista do triunfo do Liceo. Abriu o marcador aos 9 minutos. Remontou o Igualada con dous goles de Joel Roma, o segundo nunha flagrante irregularidade. E Dava volveu marcar de penalti para igualar antes do descanso. O segundo tempo estaba a ser moi trabado ata o gol de Cañadillas para o Igualada a dez minutos do final.
Soltáronse os dous equipos e o Liceo empatou nunha acción moi afortunada cun remate de Xaus que petou nun defensa. Xogando en superioridade por un cartón azul Ferruccio marcaba o 4-3 para o cadro coruñés. A dous minutos do final volvía empatar Ruano encamiñando o encontro cara a un tempo suplementario que non chegou pola xenalidade de Dava Torres.
O rival nas semifinais será o Reus, que eliminou o Calafell por 2-1. O partido verémolo este sábado ás 18:15 horas en Agalega.gal.