Continúa o incremento de casos activos en Galicia, que supera as 700 infeccións
Empeora a situación hospitalaria, con cinco persoas máis ingresadas
As áreas máis afectadas continúan a ser a da Coruña e a de Ourense
O incremento de casos activos de coronavirus continúa en Galicia. Hoxe hai 719 persoas infectadas, 27 máis ca onte. Os contaxios detectados son 73 (12 menos ca a xornada anterior), tamén por riba da media de semanas pasadas.
Tal e como acabamos de coñecer nos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, empeora tamén a situación hospitalaria.
De onte para hoxe hai catro persoas máis hospitalizadas en planta (31 en total) e unha máis en UCI (oito en total). En total son 39 pacientes ingresados.
Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 183.641 persoas, das que curaron 180.303 e faleceron 2.653, ningunha delas nas últimas horas por cuarto día consecutivo.

Áreas sanitarias
A área da Coruña continúa a ser a máis afectada, ao achegarse aos 200 casos activos (196), tras detectárense 24 novos contaxios nun día, cinco menos ca o día anterior.
Séguea a de Ourense, con 183 casos (12 máis) e 18 contaxios novos detectados, o mesmo número que 24 horas antes.
Principalmente, son estas dúas áreas as que están facendo subir as cifras de casos activos porque ningunha das outras superou os dez contaxios nas últimas horas.
A suba total de infeccións está sendo xa notable, e desde o luns notificáronse en toda Galicia máis de 400 positivos.