Darias asegura que o 60 % dos ingresados na UCI non están vacinados
A ministra de Sanidade insiste: "As vacinas protexen"
"Hai unha porcentaxe de persoas na UCI que non se vacinaron, arredor dun 60 por cento, aínda que a distribución territorial non é igual. As vacinas protexen", asegurou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, nunha entrevista en TVE.
A titular de Sanidade dixo que ante a subida da incidencia rexistrada nas últimas semanas "hai que ocuparse", pero non preocuparse, e lembrou que "España é referencia doutros países" polo seu altísimo índice de vacinación, que se sitúa por encima do 90 por cento.
Indicou, con todo, que "cando a curva colle velocidade" hai que prepararse para cortar esa transmisión. "Temos que axudar a que as vacinas nos protexan, temos que ter a cultura do coidado", recalcou, antes de aseverar que as medidas que se están adoptando "chegaron para quedar".