Publicador de contidos

Publicador de contidos

Convocada folga na Atención Primaria do Sergas o 26 de novembro

Convocada folga na Atención Primaria do Sergas o 26 de novembro

 Os sindicatos CIG, Comisións Obreiras, UXT e CSIF queren visibilizar "a grave situación que atravesa a Atención Primaria en Galicia"

Están chamados ao paro todo o persoal e categorías profesionais dos centros de saúde e dos PAC

EFE/Xurxo Martínez
G24.gal 07/11/2025 15:16 Última actualización 07/11/2025 15:27

Os sindicatos CIG, Comisións Obreiras, UXT e CSIF anunciaron este venres unha folga de 24 horas na Atención Primaria do Sergas o próximo 26 de novembro, que afectará todo o persoal e categorías profesionais, incluído o persoal residente, dos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada de Galicia.

A protesta afectará aos 14 distritos das 7 áreas sanitarias da comunidade. En conferencia de prensa, as organizacións convocadoras recalcaron que a folga pretende forzar a Administración sanitaria a rectificar e asumir compromisos firmes para recuperar a dignidade da Atención Primaria, "base fundamental do sistema sanitario galego".

A folga busca visibilizar "a grave situación que atravesa a Atención Primaria en Galicia" e esixir á Consellería de Sanidade "a apertura dun marco real de negociación que garanta unha asistencia digna, con orzamento suficiente e recursos humanos adecuados tanto para os profesionais como para os pacientes".

Entre as principais reivindicacións do paro, os sindicatos destacaron a retirada inmediata das medidas presentadas pola administración na mesa sectorial o pasado 17 de outubro, a eliminación da categoría do Facultativo Especialista de Atención Primaria e a reconversión das prazas actuais en prazas de médico de familia, preservando a continuidade laboral.

Así mesmo, demandan a negociación dun novo Plan de Ordenación de Recursos no prazo de seis meses, con datos desagregados por centro, análise de cocientes profesionais e actualización do modelo retributivo. Tamén esixen o desenvolvemento dun concurso específico de enfermería familiar e comunitaria e a creación dun plan plurianual de reconversión de prazas, así como melloras nas condicións laborais e retributivas do persoal dos PAC, incluíndo a redución de xornada, o incremento das indemnizacións por manutención e o pago adecuado das prolongacións de xornada.

Por último, piden dotar e renovar os recursos materiais nos centros de saúde e os PAC, un estudo de carga asistencial para garantir equipos completos e limitar a presión asistencial, así como a definición de postos de difícil cobertura con incentivos específicos e a garantía da calidade das titulacións profesionais no acceso ao sistema sanitario público.

Os representantes dos catro sindicatos advertiron de que se tras a folga a Consellería non senta a negociar, continuarán coa folla de ruta prevista e as mobilizacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade