Controlado o incendio de Pantón tras queimar 1.800 hectáreas en dez días
O lume quedara estabilizado o 22 de setembro pero continuou ardendo ata este domingo
As lapas queimaron oito casas nunha aldea, catro delas habitadas

O incendio de Pantón, declarado o 18 de setembro na parroquia de Pombeiro, quedou controlado ás 11:41 horas deste domingo tras queimar unha superficie de 1.805 hectáreas, segundo as estimacións finais.
Segundo informa a Consellería do Medio Rural nun comunicado, o lume arrasou 1.517 hectáreas arboradas e 288 rasas, parte delas no concello lindeiro de Sober.
Nos labores de extinción participaron, de xeito acumulado, 25 técnicos, 264 axentes, 311 brigadas, 169 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros, 12 avións e mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O lume quedara estabilizado o día 22 de setembro pero seguiu ardendo ata este domingo antes do mediodía, cando lograron controlalo.
Teléfonos de balde
A consellería lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.
Ademais, sinala que existe o teléfono anónimo e de balde 900 815 085 para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento.