Publicador de contidos

Publicador de contidos

Continúa a busca de vítimas tras a derruba dunha ponte na India

Continúa a busca de vítimas tras a derruba dunha ponte na India

Detidas nove persoas logo do accidente, que deixa polo menos 135 vítimas mortais

G24.gal 01/11/2022 17:09 Última actualización 01/11/2022 21:46

Continúa a busca de vítimas tras o derrubamento da ponte que atravesa o río Machchhu, na localidade india de Morbi, no estado de Gujarat (oeste do país). Ata o momento, confirmouse o falecemento de 135 persoas. Outras 170 foron rescatadas con vida.

O primeiro ministro da India Narendra Modi visitou este martes o lugar do accidente e insistiu na necesidade de coñecer as causas da traxedia para dirimir responsabilidades.

"É necesario facer unha investigación detallada e extensa que identifique todos os aspectos relacionados con este contratempo", asegurou tras manter unha xuntanza coas autoridades rexionais.

O accidente ocorreu o domingo pola tarde, cando os cables da ponte colgante, sobre a que camiñaban centos de persoas, comezaron a ceder e provocaron o esborrallamento da estrutura.

Reapertura tras a súa renovación

Nos últimos días, milleiros de persoas visitaran a ponte tras a súa reapertura, o pasado 26 de outubro, despois de case sete meses pechada para a súa renovación.

O paso peonil de case 150 anos de antigüidade, construído durante a época colonial británica, era unha concorrida atracción da localidade.

Tras o accidente, detiveron polo menos nove persoas, entre elas dous xerentes da empresa Oreva, encargada da renovación da infraestrutura descrita como unha "marabilla da enxeñería" cando se construíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar