Continúan operativos os puntos de cribado para facer tests de balde sen cita
Os resultados coñécense nunha hora e serven para tramitar a baixa laboral
En toda Galicia hai máis de trinta puntos de cribado para que a cidadanía poida realizar probas diagnósticas de balde. Están distribuídos polas distintas áreas sanitarias e poden consultarse na páxina web do Sergas.
O punto de cribado na cidade de Lugo está operativo na delegación de Sanidade dende o 23 de novembro. Ofrece a posibilidade de facer un test de antíxenos e coñecer o resultado en menos dunha hora. Aquí veñen facendo unha media de catrocentas probas ao día.
Facelo é cuestión dun instante. Un mesmo recolle as mostras. Non se precisa cita previa, só cómpre dar os datos persoais. No caso de ser positivo, non esixe máis probas e o resultado vale para tramitar a baixa laboral.
Na provincia de Lugo, tamén hai puntos habilitados en Sarria, Vilalba, Burela, Monforte de Lemos, Ribadeo e Viveiro.