Consellos da Garda Civil para un verán seguro nas festas
Para garantir que as saídas e festas no verán son seguras, a Garda Civil acaba de publicar unha serie de pautas para evitar riscos pola noite
Unha delas é a de non deixar nunca a copa abandonada para evitar o que se coñece como submisión química
As vacacións permiten máis tempo de festa e saídas nocturnas. Momentos de diversión en que a Garda Civil dá unha serie de consellos para detectar condutas de risco e previr así agresións sexuais ou mesmo a submisión química, cando botan algunha droga na bebida que pasa desapercibida.
Insisten en que non se trata de ser alarmistas, pero recomendan previr e desconfiar de quen insiste en ofrecer unha bebida que estivo fóra da nosa vista ou trata de afastarnos do grupo de amigos. Tamén aconsellan levar sempre a batería do móbil cargada e non deixar a ninguén só se bebeu demasiado.
As novas tecnoloxías poden ser unha ferramenta de seguridade ao compartir a localización en tempo real con persoas de confianza. A responsabilidade nunca é das vítimas, pero a realidade demostra que a mocidade aprende a extremar precaucións.