Activado o Plan de Emerxencias de Galicia en Rubiáns polo incendio en Impex, con productos biocidas
O incendio comezou arredor das 11 deste sábado e está moi próximo a unha gasolineira. Foi un particular o que alertou do lume, xa que a empresa estaba pechada
O Seprona está avaliando se hai risco de toxicidade para a poboación. Aínda así, xa se fixeron desaloxos preventivos nas vivendas próximas á nave.
A Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA)
Alarma en Vilagarcía polo incendio na nave de produtos químicos Impex Europa, instalada na parroquia de Rubiáns. Aínda que en principio os produtos químicos almacenados non son tóxicos, aos veciños estáselles recomendando pechar as ventás e non saír da casa. Tamén se lles pide que non se acheguen á zona do incendio, xa acordoada, para facilitar os traballos de extinción. Recomendacións sobre saúde que a Consellería de Sanidade publicaba na súa conta oficial da rede social X. Amais, a nave está moi próxima a unha gasolineira.
Ás 19:25 minutos deste sábado, Emerxencias de Galicia 112 informaba de que os medios seguen traballando para extinguir o incendio e que a nave xa colapsou.
Ao mediodía xa estaban desaloxadas unhas 22 vivendas, segundo informaba o 112.
ACTUALIZACIÓN: Polo de agora, desaloxáronse 22 vivendas -sete delas debido ao fume e as restantes pola proximidade ao incendio-, o que supón entre 30 e 40 persoas evacuadas. Ademais, o lume permanece controlado no seu perímetro. pic.twitter.com/soWxg26p6m
— 112 Galicia (@112Galicia) August 9, 2025
Contra as 11 da maña deste sábado, un particular alertou da columna de fume negro que saía da nave da empresa Impex Europa, que xusto este sábado estaba pechada.
O lume propagouse rapidamente e parece que xa colapsou o teito da nave. Os equipos de extinción seguen traballando arreo, para evitar a súa propagación e tratan de controlar o lume
Desaloxo preventivo de vivendas próximas e a Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA)
Segundo informa Emerxencias 112, a Policía Local desaloxou preventivamente as vivendas máis proximas ás intalacións da nave. A Garda Civil cortou a estrada, o que levou a un desvío da circulación en sentido Vilagarcía de Arousa da N-640, no seu quilómetro 234, á altura da incoporación cara ao Hospital do Salnés.
Neste contexto, a Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA), que permite a mobilización de recursos de ámbito local e supralocal co fin de facer fronte á situación de risco e garantir unha reposta e eficaz coordinada.
Por agora, ata o lugar desprazáronse efectivos de bombeiros de Vilagarcía, Ribadumia, Baixo Miño e da Consellería do Medio Rural, así como persoal de Emerxencias de Vilagarcía e do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que mobilizou unha cisterna de gran capacidade. Ademais, acudiron patrullas da Policía Nacional e Local.
Á parte de traballar na extinción do incendio, realizan medicións na calidade do aire ao tratarse dunha nave con produtos químicos.
Por outra banda, o 112 deu aviso de igual forma ao servizo de Urxencias Sanitarias. Por agora non foi necesaria a súa intervención, xa que non hai afectados ao estar baleiras as instalacións no momento de inicio do lume.