Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha autoridade independente investigará os sinistros aéreos, ferroviarios e marítimos

Unha autoridade independente investigará os sinistros aéreos, ferroviarios e marítimos

O Goberno crea a Administrativa Independente para a investigación técnica de accidentes e incidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil que absorverá as funcións que actualmente desenvolven a CIAF, CIAIM e CIAIAC

Trátase dunha vella reivindicación de asociación de vítimas deste tipo de sinsitros que criticaban a falta de imparcialidade nesas investigacións pola dependencia que tiñan do Goberno os seus responsables

O Goberno recupera a Comisión Nacional da Enerxía (CNE) e reforza as súas funcións

EFE 20/02/2024 11:44 Última actualización 20/02/2024 14:47

O Goberno aprobou este martes a creación da Autoridade Administrativa Independente para a investigación técnica de accidentes e incidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil, coincidindo coa celebración do Día Mundial das Vítimas de Accidentes Aéreos.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, explicou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros que este proxecto retoma practicamente idéntico o que xa aprobara o Goberno en marzo de 2023, pero decaeu pola disolución das Cortes tras a convocatoria das eleccións xerais de xullo de 2023.

Esta nova autoridade independente absorberá as funcións que actualmente desenvolven as tres comisións existentes para a investigación de accidentes e incidentes ferroviarios (CIAF), marítimos (CIAIM) e aéreos (CIAIAC), adscritas organicamente ao Ministerio de Transportes.

A autoridade créase tras as reivindicacións das asociacións de vítimas de accidentes.

A súa función será esclarecer as causas dos accidentes e evitar que se repitan, propoñendo recomendacións para mellorar a seguridade.

O obxectivo é reforzar a independencia do organismo de investigación, sumando á independencia funcional actual, a orgánica, cunha personalidade xurídica diferenciada.

Así mesmo terá independencia financeira, xa que os seus ingresos provirán da participación na recadación de determinadas taxas como a de seguridade aérea, a de prestación de servizos, a de realización de actividades en materia de seguridade ferroviaria e a de axudas á navegación.

Esta figura da autoridade é a de maior grao de independencia do poder executivo que existe no dereito administrativo español e é a que teñen, por exemplo, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a Axencia Española de Protección de Datos ou o Consello de Seguridade Nuclear, explicou o ministro.

A independencia dunha das tres comisións, a da CIAF, foi cuestionada tras a súa investigación do accidente do Alvia ocorrido en Santiago de Compostela en 2013, con 80 vítimas mortais e 152 feridos. Tamén foi moi criticada a actuación da de accidentes aéreos tras o sinistro de Spanair.

O documento aprobado polo Goberno en marzo do ano pasado xa se enriqueceu coas achegas das asociacións de vítimas, do Consello de Estado, do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Consello Fiscal, polo que non tiña sentido modificalo, dixo Puente.

O ministro confía en que a autoridade estea a funcionar ao longo desta lexislatura unha vez que se aprobe polo Congreso a lei de creación e o estatuto que a desenvolve.

Haberá un período transitorio entre a aprobación da lei e a constitución efectiva da autoridade no que as comisións actuais seguirán desenvolvendo as súas funcións, polo que as investigacións en curso non se paralizarán senón que continuarán a súa tramitación.

Un presidente e seis conselleiros

O Consello será o máximo órgano de goberno da Autoridade, ao que corresponderá a aprobación dos informes finais de investigación.

Estará formado por un presidente e seis conselleiros, dos cales dous deben ser expertos no sector marítimo, dous no aéreo e outros dous, no ferroviario, entre profesionais de recoñecido prestixio.

Coa creación desta comisión aténdense, ademais, os requirimentos dos organismos europeos, que pedían reforzar a independencia destas institucións.

O nomeamento do presidente someterase á votación do Congreso, que terá capacidade de veto no caso dos conselleiros.

O mandato dos membros do Consello será de seis anos e traballarán con dedicación exclusiva cun estrito réxime de incompatibilidades, polo que non poderán realizar ningunha actividade privada relacionada co ámbito de actuación da Autoridade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade