A Xunta dá un ultimato ao Goberno para coñecer a resposta ao ditame sobre as prórrogas da AP-9
Alfonso Rueda advirte de que a Administración galega emprenderá accións legais se o Executivo central non lle traslada a documentación e a resposta que España lle deu á Comisión Europea
PSdeG e BNG recordan que a concesión da AP-9 segue en vigor pola prórroga aprobada polo PP
O Consello da Xunta aprobou este luns dar un mes de prazo ao Goberno central achegue á Administración galega a resposta ao ditame da Comisión Europea sobre as prórrogas da AP-9, que Bruxelas declarou ilegais e sobre as que abriu un proceso de infracción contra España.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que se cumprido este ultimato non reciben esa documentación acudirán á administración de Xustiza, pola vía do Contencioso-Administrativo.
"Non tivemos ningún tipo de resposta, volvemos insistir e hoxe acordamos dar un prazo. Se no prazo dun mes non se nos achega o solicitado, emprenderemos accións xudiciais e estableceremos un recurso contencioso administrativo por esta falta de resposta do Goberno central", advertiu Rueda.
Rueda dixo que esa solicitude se realizou en varias ocasións e "non obtivemos ningunha resposta", e insistiu en que "a mellor solución é o rescate e a transferencia da xestión da autoestrada".
Rueda lamentou que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez se manifestou ata o de agora en sentido "negativo", e recordou que así foi reclamado "por unanimidade" polo Parlamento galego.
PSdeG e BNG: a concesión da AP-9 segue en vigor pola prórroga aprobada polo PP
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e o viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, volveron a insistir este luns en que a concesión da autoestrada AP-9 continúa en vigor debido á prórroga aprobada polo Partido Popular.
Méndez defende que "non procede o rescate" da autoestrada porque "está plenamente en vigor", e lembrou que a concesión segue en pé "ata o 2048 porque o PP así o fixo, ampliándoa".
Así, tras apuntar que a prórroga está "baixo revisión en Bruxelas", apelou a "deixar en curso o procedemento iniciado" e sinalou que os socialistas demandan "a gratuidade" da vía para que "non sexa un lastre para o peto dos galegos".
Luís Bará, pola súa parte, indicou que a concesión permanece en vigor pola prórroga "que concedeu o Goberno de Aznar" e que leva a que "en lugar de acabar en 2023 prolongásese ata 2048".
"Estamos a pagar peaxes en 2026 porque o PP aprobou unha prórroga de 25 anos, coa cantidade de recursos que iso supón, e que agora temos que anular para que os petos dos galegos non sufran ese saqueo constante", reprochou.
Ademais, explicou que o procedemento aberto pola Unión Europea abre "unha porta para conseguir a nulidade" ao non garantirse "o cumprimento da normativa europea".
Ante esta situación, defendeu que o BNG aposta por "unha revisión de oficio dese acordo", que considera "nulo de pleno dereito" e que "abriría a porta a unha indemnización que a empresa reclamará".