Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta crea unha bolsa de persoal voluntario para cubrir gardas nos PAC

A Xunta crea unha bolsa de persoal voluntario para cubrir gardas nos PAC

O persoal voluntario poderá ser chamado de 3 a 7 días ao mes e cobrarán pola propia dispoñibilidade, amais de polas gardas realizadas, ata un máximo de 5.309 euros brutos ao mes

G24.gal 09/02/2023 11:10 Última actualización 09/02/2023 16:19

A Xunta vai poñer en marcha de maneira provisional unha bolsa de persoal voluntario para cubrir gardas nos PAC (puntos de atención continuada) que teñan ata un 20 % de vacantes estruturais, o que supón que será inicialmente para a área sanitaria de Pontevedra.

Este persoal poderá ser chamado en calquera momento entre 3 e 7 días ao mes, polo que cobrarán en función tanto da súa dispoñibilidade, con 230 euros por cada xornada que estean dispoñibles, como polas gardas para as que sexan chamados, cuns 250 euros pola de 7 horas e máis de 800 pola de 24 horas.

Así que cobrarán un máximo de 1.610 euros brutos por sete días de dispoñibilidade, o que sumado á posibilidade de facer dúas gardas de 24 horas, outras dúas de 17 horas e tres de sete horas supón un máximo de 5.309 euros brutos ao mes, calculou o Goberno galego.

A oferta realizarase "inmediatamente", explicou Alfonso Rueda na súa comparecencia tras a reunión semanal do Goberno galego, e será "conxuntural" por unha duración inicial de seis meses que se podería prorrogar e estender a outras áreas sanitarias se é necesario.

O Consello da Xunta tamén aprobou un concurso de méritos para outros 413 sanitarios. O obxectivo é que os médicos e enfermeiros que acaben o MIR en maio cubran, sen necesidade de oposición, postos de difícil cobertura en primaria, hospitais comarcais ou saúde mental.

As prazas repártense entre 72 para médicos de familia, 59 de pediatras en centros de saúde, 109 de especialistas para hospitais comarcais, e 173 en especialidades relacionadas coa Saúde Mental.

Na convocatoria anterior por esta modalidade sen oposición, 106 que acaban de ser adxudicadas recentemente, ata un 25 % de prazas foron cubertas por persoal alleo ao Sergas, ben médicos doutras comunidades ou que traballaban na sanidade privada, e a previsión é que se supere esta porcentaxe na nova convocatoria.

O presidente da Xunta asegurou que estas medidas puxéronse en marcha hai tempo e "pouco teñen que ver coa manifestación" en defensa da Atención Primaria, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para este domingo, apoiada por BNG e PSdeG, que insistiu en que está politizada porque á oposición "interésalle moito máis o desgaste político da Xunta que mellorar a sanidade pública".

Rueda considera acreditado que a Xunta "actúa dentro das súas capacidades" para solucionar este problema da falta de médicos que vai ser máis perentorio con "cada semana que pasa sen que o Ministerio mova ficha", advertiu, tras volver reclamar unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR e a creación da especialidade de Urxencias. 

9.500 prazas novas de FP

Canda estas medidas, o Consello da Xunta aprobou crear 9.500 novas prazas de Formación Profesional nos 2 vindeiros cursos. O plan conta cun investimento de máis de 30 millóns.

Xa o próximo luns a Xunta comezará a manter encontros con empresas de toda Galicia co obxectivo de casar mellor a demanda laboral coa oferta formativa. O obxectivo é aumentar cada curso un 15 % as empresas que colaboran con Educación na FP Dual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade