O Ministerio de Sanidade aproba o novo semáforo covid que amplía o limiar de risco
Aínda están pendentes de aprobación as medidas asociadas a cada nivel
A ministra de Sanidade Carolina Darias anunciou a aprobación do novo semáforo sobre a transmisión da covid–19 e a ocupación hospitalaria, que establece os novos limiares de risco, aínda que o seu departamento e as comunidades autónomas non deron o visto e prace ás medidas e restricións asociadas a cada nivel.
O novo semáforo está estipulado no documento Actuacións de resposta coordinada para o control de COVID–19, que esta tarde tratou o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
Desta maneira, o risco baixo situarase entre os 50 e 100 casos (agora entre 25 e 50), o risco medio estará entre os 100 e os 300 casos (agora entre os 50 e os 150), o alto de 300 a 500 (agora entre 150 e 250) e o moi alto ou extremo a partir de 500 (agora a partir dos 250 casos).

Ademais, a Comisión aprobou a terceira dose para os maiores de 60 a 69 anos, que se suman así aos maiores de 70, que xa a estaban recibindo, e ao persoal sanitario e sociosanitario.
A Xunta abstense ante a decisión do cambio no semáforo
No relativo ao semáforo, a Directora Xeral de Saúde Pública Carmen Durán Parrondo explicou a abstención de Galicia e defendeu o pasaporte covid, uso da máscara, hixiene e a ventilación como as ferramentas axeitadas para esta nova etapa da pandemia.
A Consellería de Sanidade comezará a citar os cidadáns de 60 a 69 anos unha vez estea rematado o rango de 70 a 79 anos. Son 395.000 persoas, que recibirán a terceira dose da vacina contra a covid–19 nalgún dos 16 puntos de vacinación masiva da comunidade autónoma.
A Comisión Nacional de Saúde Pública acordou vacinar tamén os traballadores sanitarios e sociosanitarios, unha medida que tamén apoia a Xunta aínda que reitera a necesidade dunha planificación axeitada para unha maior eficacia do proceso de vacinación.
Minuto a minuto
'En España e Portugal o risco de morte por mor da covid é 30 veces menor que noutros países da contorna europea, grazas á ampla cobertura de vacinación', uns datos que lembra Carolina Darias e que ditaminou a Comisión Europea
O documento do semáforo quedou aprobado pola Comisión Nacional de Saúde con indicadores e niveis de risco pero aínda sen medidas, anuncia Carolina Darias
'A prevención e vacinación é o que funciona e o que nos permite ser un referente', explica a ministra de Sanidade
A ministra de Sanidade compara a situación actual coa de hai un ano: 'naquel momento a porcentaxe de ocupación de camas hospitalarias era do 22 % fronte ao 2% que rexistramos na actualidade'
A diferenza con marzo de 2020, é que se reduciu considerablemente a ocupación hospitalaria, a presión nas UCI e a letalidade, sinala Carolina Darias
En marzo de 2020 a incidencia acumulada era similar á de hoxe con 132 casos por cada 100.00 habitantes
A incidencia acumulada observada entre as persoas vacinadas é moito menor que nas non vacinadas, especialmente entre os 60 e 80 anos, segundo explica Silvia Cazón
Sanidade rexistra unha ocupación hospitalaria do 2,4% e nas camas de UCI do 5,97%, explicou a secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón
A incidencia acumulada sobe ata os 139 casos por cada 100.000 habitantes