Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Sergas convoca 636 prazas de formación sanitaria e oferta o 100 % en categorías deficitarias

O Sergas convoca 636 prazas de formación sanitaria e oferta o 100 % en categorías deficitarias

Segundo o presidente da Xunta, é "a maior oferta de prazas" da historia

G24.gal 08/06/2023 12:27 Última actualización 08/06/2023 14:28

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofertará un total de 636 prazas de formación sanitaria especializada para o próximo curso 2023/24. Ofertaranse 16 máis ca o ano pasado, ata sumar esas 636 en medicina de familia, pediatría, psiquitatría, matronas, neurocirurxía ou xeriatría. A Xunta financiará esta formación ao 100 % con 70 millóns de euros.

Ademais, esta nova convocatoria contará co 100 % das acreditadas polo Goberno central en categorías onde hai déficit, entre elas medicina de familia, con 207 postos para médicos e enfermeiros residentes.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno, en que se aprobou esta oferta que buscará "paliar o déficit de sanitarios non só en Galicia, senón en España".

Será, en palabras de Rueda, "a maior oferta de prazas" da historia, ao superar en 16 as do curso pasado, que "xa fora moi destacable". Con todo, o presidente recoñeceu que "non é suficiente" e que o sistema sanitario "necesita máis".

"Pero hai cuestións que non dependen da Xunta", engadiu a continuación, para volver reclamar ao Ministerio de Sanidade que flexibilice os criterios das unidades docentes e elimine a nota de corte dos exames MIR para poder así cubrir vacantes e que flexibilice os criterios para dar a formación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade