OPINIÓN
Coñecemos xa as causas do grande apagamento?, por Maite Cancelo
Luns 28 de abril, 12:33 h, España queda sen luz. O apagamento durou, como mínimo, 12 horas nalgunhas zonas, nalgunhas máis que noutras. As consecuencias económicas estímanse entre 19 e 22.000 millóns de euros e afectaron a sectores industriais, servizos e transportes, ademais de a algunhas economías domésticas.
O goberno presentou onte un documento aprobado polo Consello de Seguridade Nacional e polo Consello de Ministros que sinala que o sistema eléctrico español non dispoñía de suficiente capacidade de tensión dinámica. A orixe, unha planta foltovoltaica localizada no suroeste de España, ao que se lle uniron máis oscilacións, desconexións de centrais e mal control da tensión, polo que cualifican o apagamento como multifactorial. A Ministra de Transición enerxética, aínda que deixa á CNMC e aos Tribunais a depuración de responsabilidades, é certo que vincula a Red Eléctrica e algún operador (sen identificar) como principais responsables.
Pero, o sector eléctrico considera que o informe se centra en sinalar erros illados, en lugar de abordar o núcleo do problema: unha mala xestión de Red Eléctrica (REE). Denuncian que esta narrativa exonera a quen planifica e opera o sistema diario.
O informe está realizado para exonerar de responsabilidades políticas o goberno pero aquí hai que sinalar que ten un poder relativo sobre a REE: o Estado español a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) posúe aproximadamente o 20 % do capital de Redia, que non é maioría pero dálle dereito a un posto dominante no Consello de Administración, voto clave en decisións estratéxicas e influencia no nomeamento da presidencia, lembrar que a presidenta actual, Beatriz Corredor, exministra de vivenda e deputada socialista, polo que, a pesar da teórica independencia da empresa, hai unha vinculación clara co goberno de España.
Por outra banda, máis aló do informe publicado, será fundamental estar pendente do que se pronuncie desde a CNMC e non perder de vista os audios do apagamento que revelarían o caos antes do mesmo. Antes das 12:33 horas os operadores privados xa se deron conta de que os fluxos enerxéticos se estaban descontrolando e o sistema estaba a piques de colapsar. Algunhas investigacións apuntan, mesmo, a que o xestor da rede parece que estaba obsesionado por alcanzar un récord de produción en enerxía solar e avaliar ata onde se podería aumentar a dependencia das renovables antes da desconexión nuclear prevista para 2027. E isto é o que parece desprenderse dalgún audio filtrado porque, como con moitos outros, estas comunicacións non se deron a coñecer á sociedade, como debería de ser dado o carácter semipúblico de REE e do feito de que o 60 % da poboación (segundo o CIS) cualificou a información oficial como insuficiente, demandando máis explicacións.
En calquera caso, dado as análises técnicas e os datos que se van coñecendo, houbo unha mala planificación de REE, que preparou unha capacidade inferior en control de tensión dinámica, ademais houbo fallos nas centrais xeradoras, atrasos ou desconexións indebidas dalgunhas centrais, débil inercia do sistema e que a alta proporción de renovables (sol e eólica) articulou unha rede con menos masa rotatoria, o que dificulta a estabilización diante de variacións rápidas.
Ademais, esas desconexións de xeración crearon unha subida de tensión que afectou a outras centrais creando un efecto cachoeira.
Desde o primeiro momento, expertos en enerxía xa sinalaron que os factores son múltiples, que houbo problemas antes do apagamento e que, ademais, non se poderán extraer conclusións definitivas antes de catro meses, e non pasaron nin dous. E dado o momento en que se presenta un informe, de xeito evidente incompleto, saquen vostedes as súas propias conclusións, pero o que si está claro é que se botan balóns fóra sen asumir ningún tipo de responsabilidade e sen ter conclusións definitivas sobre as causas que provocaron o grande apagamento.