Condenan un adestrador de hóckey de Ourense a catro anos de cárcere por abusar dunha menor
A vítima, que tiña 14 anos cando se produciron os abusos, sofre secuelas psicolóxicas e non volveu practicar este deporte logo do ocorrido

Catro anos de cárcere, cinco de liberdade vixiada e prohibición para adestrar menores durante seis anos é a pena que a Audiencia Provincial de Ourense lle impuxo a un adestrador de hóckey dun club da cidade por abusar sexualmente e de xeito continuado dunha xogadora menor de idade.
Os feitos ocorreron en setembro de 2021, cando o acusado recolleu a vítima, que tiña 14 anos, no coche para levala ao adestramento. Pero levouna ao almacén coa escusa de agasallala cunha camiseta. Sentouna nos xeonllos e abusou dela a pesar da súa negativa. Repetiuno ao día seguinte. Como consecuencia, a nena deixou de practicar hóckey e ten secuelas psicolóxicas.
A Audiencia recalca na sentenza que o testemuño da vítima é “claro, reiterado e digno de crédito”, xa que relatou “de forma monocorde” o ataque sexual que sufriu, “relato verosímil e crible”, e que aparece corroborado polas probas pericial e testifical practicadas.