Condenan a catro anos de internamento psiquiátrico un home que intentou matar outro en Vilagarcía
Os sucesos ocorreron nun bar de Vilagarcía, cando o home tentou matar cunha navalla a outro, un dos sospeitosos do asasinato de seu pai en 1998
As forenses afirman que o acusado padece un trastorno paranoide con ideas delirantes agravado por un consumo de cocaína
Indemnizará a vítima con 8.345 euros por lesións, secuelas e intervención cirúrxica
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a Antonio C. como autor confeso dun asasinato con aleivosía en grao de tentativa, coa eximente completa de anomalía psíquica, e condénaselle ao internamento nun centro psiquiátrico durante catro anos. Inicialmente a Fiscalía solicitara unha pena de 13 anos de prisión.
O xuízo hase resolvido este xoves coa conformidade das partes, que renuncian a presentar recurso, polo que a sentenza, ditada na sala 'in voce', é firme.
Ademais dos catro anos de internamento, o tribunal tamén lle impón como medida de seguridade a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 14 anos, mantendo unha distancia mínima de 500 metros respecto a ela, o seu domicilio ou calquera lugar onde se atope.
En concepto de responsabilidade civil, o procesado deberá indemnizar á vítima con 8.345 euros por lesións, secuelas, intervención cirúrxica e danos estéticos, así como o aboamento de 592 euros polos gastos sanitarios ocasionados ao Sergas.
Durante a vista oral o acusado recoñeceu a autoría dos feitos que lle imputaban e aceptou a condena en todos os seus termos.
Trastorno paranoide e consumo de cocaína
As forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) explicaron ante o tribunal os seus informes de imputabilidade sobre o acusado nos que conclúen que este home padece un trastorno paranoide con ideas delirantes que se ve agravado por un consumo de cocaína. Este diagnóstico foi ratificado polo psiquiatra que lle trata no Centro Penal da Lama.
Debido á súa enfermidade, o acusado "actúa en función dunha crenza falsa", polo que "a súa comprensión dos feitos está profundamente alterada". As forenses indicaron que necesita tratamento farmacolóxico, seguimento psiquiátrico e "un abandono total das drogas".
Así mesmo, consideran necesario que o acusado siga tratamento médico mesmo de forma involuntaria, ao non ser consciente da súa enfermidade.
Feitos
Os feitos declarados probados e recoñecidos polo acusado ocorreron a noite do 14 de setembro de 2024 no exterior dun bar de Vilagarcía de Arousa.
O procesado, de 38 anos, dirixiuse sobre as dez da noite ao establecemento frecuentado pola vítima, de 54 anos, coa intención de acabar coa súa vida. Ambos se atopaban fumando no exterior do local cando, de forma repentina, o acusado sacou unha navalla, colocouna na garganta da vítima e díxolle "vou matar", antes de apuñalalo en dúas ocasións.
Como consecuencia do ataque, a vítima sufriu feridas de gravidade na lingua, a boca e o ombreiro esquerdo. Os informes médicos recollen ademais secuelas permanentes, entre elas cicatrices na lingua e un prexuízo estético leve.
A vítima fora un dos sospeitosos do asasinato do pai do agresor, Ramón C.C., cuxo cadáver apareceu tiroteado e queimado en 1998. Chegou a ser condenado por ese crime xunto a Severino Padín Leiro, aínda que só cumpriu dous anos xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) concluíu que non existían probas de cargo suficientes contra el. O móbil daquel asasinato nunca se esclareceu, pero vinculouse ao narcotráfico.