Condenan a Audasa a devolver o 50 % das peaxes polas obras en Rande
A concesionaria da AP-9 terá que devolver o 50 % do importe da tarifa que cobrou en concepto de peaxe a 21 persoas físicas e xurídicas durante as obras na ponte entre 2015 e 2018
A sentenza, aínda recorrible, recoñece que non se prestou un correcto servizo e non había alternativas
Autoestradas do Atlántico (Audasa) terá que devolver o 50 % do importe da tarifa que cobrou en concepto de peaxe a 21 persoas físicas e xurídicas durante as obras da ponte de Rande, entre 2015 e 2018.
Recoñécese que as obras "impediron un correcto servizo ás persoas usuarias da autoestrada", segundo dispuxo o Xulgado de Primeira Instancia Nº12 da Coruña.
O xuíz considera probado que as obras efectuadas no tramo entre as ligazóns de Cangas e Teis, incluída a reforma da ponte de Rande, fixeron que Audasa "non prestase o servizo en idénticas condicións ás que se presta cando non hai obras", segundo indica nun comunicado o despacho de avogados Xoán Antón Pérez-Lema, que está a cargo da defensa legal dos demandantes.
"E moi importante, o mínimo que se pode pedir e que se cumpra cun servizo en condicción nunha infraestructura tan importante para a nosa economía,e se non se cumpre reclamar xudicialmente e obter este tipo de sentenzas", di Pérez Lema.
A sentenza recolle que o propio informe pericial facilitado por Audasa recoñece que se adoptaron restricións na circulación normal e que levaron a cabo accións puntuais sobre o tráfico. Ademais, sinala que, en contra do criterio de Audasa, as persoas demandantes non contaban con ningunha alternativa de circulación á autoestrada, xa que os itinerarios posibles implicaban tempos de desprazamento aínda máis lentos que a propia vía de pago en obras.
Aínda que a demanda reclamaba a devolución íntegra das tarifas cobradas, a sentenza recoñece que a devolución íntegra dos importes pagados pola peaxe durante as obras "rompe o equilibrio das contraprestacións dos contratantes".
Deste xeito, a pesar de que Audasa tentou escudarse na súa incapacidade legal para reducir o importe da peaxe, a sentenza considera contraveu os termos do servizo e acepta a rebaixa do 50 % no importe para devolver por cada traxecto.
A sentenza non é firme e cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. "Valoramos reclamar para que se eleve a un 75 ou 80 por cento", apunta o avogado.
Ademais, podería abrir a porta a novos recursos: "Temos 5.000 rexistros dunha campaña que fixemos, podemos iniciar os trámites e o procedemento de reclamación", sinala Diego Maraña, presidente da asociación En Colectivo
APG, novo propeitario da AP-9
O fondo de pensións dos Países Baixos APG fíxose co control exclusivo das autoestradas galegas, despois de que a compañía adquirise Itínere, a empresa que xestiona varias estradas de pago do norte da Península Ibérica.
Todo iso tras a autorización, por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), da operación, pola cal Algemene Pensioen Groep (APG) adquiriu o capital de Itínere, que á súa vez é a propietaria de, por exemplo, Audasa, concesionaria da AP-9.
APG xa formaba parte do accionariado de Itínere. Con todo, agora adquiriu parte das accións da xestora estadounidense Corsair para conseguir o control da compañía.
Itínere é a propietaria de empresas concesionarias de diversas autoestradas do norte de España, como a AP-66, a AP-15, a AP-9, a AG-55 ou a AG-57, precisamente, estas tres últimas en Galicia.