Cluergal defende os proxectos de eólica mariña e agarda que a paralización sexa o máis breve posible
Cluergal defende os proxectos de eólica mariña e agarda que a paralización sexa o máis breve posible
Desde o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia esperan que este impasse sexa unha oportunidade para ofrecer garantía xurídica ás empresas promotoras
O sector defendeu o potencial industrial de Galicia que, segundo as súas cifras, podería albergar o 50 % dos proxectos de eólica flotante de España
Desde o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia agardan que a paralización temporal dos proxectos de eólica mariña, que acaba de decidir o Congreso dos Deputados, sexa unha oportunidade para ofrecer garantía xurídica ás empresas promotoras.
A proposición non de lei do BNG, que saíu adiante co apoio de Sumar, Bildu e o PP, e que paraliza os proxectos de eólica mariña en Galicia ata que se coñeza o seu impacto ambiental, foi recibida con certa tranquilidade no sector.
"Se esta paralización contribúe a dar maior solvencia ao desenvolvemento da flotante, a dar confianza aos investidores e tranquilidade ás entidades afectadas, asumímolo como un mal menor", opinou José Ramón Franco, o presidente de Cluergal. Sempre e cando, matizou, a demora non sexa moita.
No sector afirman que os parques estarían moi lonxe da costa, e por iso confían en que superen os requisitos ambientais sen interferir no sector pesqueiro.
"Entendemos que, co traballo que está feito, hai certa seguridade de que non vai haber afectación. Pero entendemos que iso teñen que dicilo os profesionais e que o propio sector (pesqueiro), se considera que hai afectación, debe manifestalo e hai que escoitalos", declarou José Ramón Franco, o presidente de Cluergal

Na xornada de hoxe defenderon o papel das renovables na descarbonización e a independencia enerxética de Europa e a Galicia como punta de lanza na fabricación de compoñentes industrias. Tamén para o aproveitamento das correntes.
"En Escocia e no norte de Gales imos ser a punta de lanza do sector a nivel mundial. Nós precisamos correntes con moita velocidade, de entre 1,5 a 3 metros por segundo. Aquí en Galicia non temos correntes desa velocidade", explicou Mario Iglesias, o director de operación Magallanes Renovables.
O encontro de hoxe reuniu en Ferrol as principais empresas do sector.