Un ano de cárcere para o home que atropelou unha muller en Maside que morreu meses despois
A vítima, de 65 anos, morreu meses despois do accidente tras múltiples intervencións médicas
A acusación pide unha indemnización superior a 126.000 euros, dos que xa se aboaron 50.000

O Xulgado do Penal nº 2 de Ourense condenou a un ano de prisión e á privación do dereito a conducir durante ese tempo a un home acusado de homicidio imprudente por atropelar unha muller de 65 anos no municipio ourensán de Maside.
A pena quedou reducida de dous a un ano de cárcere tras un acordo de conformidade entre a defensa e a acusación. A vítima faleceu o 28 de decembro de 2021, máis de tres meses despois do sinistro, tras recibir múltiples intervencións médicas.
Debate pola indemnización
A acusación reclama unha compensación de 126.468 euros polos danos e secuelas, descontando os 50.037 xa abonados pola aseguradora. O letrado sostén que os servizos asistenciais deron por esgotado o tratamento e que a paciente presentaba secuelas compatibles coa súa morte, a pesar de que non houbo alta médica formal. Esta visión foi avalada por un perito médico.
Pola contra, a defensa insiste en que non existiu unha relación causal directa entre o accidente e o falecemento, atribuído a unha morte súbita por posible arritmia, e considera suficiente a cantidade xa pagada pola aseguradora.
Segundo o escrito fiscal, o 11 de setembro de 2021 o acusado circulaba pola estrada OU-409, entre Maside e Garabás, cando, por falta de atención, invadiu a beiravía e atropelou a muller. Tras decatarse dos danos no vehículo, regresou ao lugar e atopouna ferida nunha cuneta, momento no que pediu asistencia médica.
A vítima foi ingresada inicialmente no CHUO con graves traumatismos, trasladada despois ao Hospital Álvaro Cunqueiro e sometida a diversas intervencións antes de falecer a finais de decembro.