Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 15 anos de cárcere por asasinar a coiteladas o seu compañeiro ocupa en Vigo

Condenado a 15 anos de cárcere por asasinar a coiteladas o seu compañeiro ocupa en Vigo

A maxistrada presidenta relata na sentenza que o xurado declarou probado por unanimidade que é autor dun delito de asasinato, pois atacou a vítima cun coitelo que collera do interior do inmoble e cravoullo catro veces coa intención de acabar coa súa vida

O Tribunal do Xurado, tal e como consta na sentenza, considerou acreditados os feitos polos datos de localización dos teléfonos, as imaxes das cámaras, as probas de ADN do coitelo e o sangue do falecido na roupa e as mans do acusado

G24.gal 29/05/2025 13:27

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou, de conformidade co veredicto emitido polo Tribunal do Xurado, a 15 anos de cárcere ao acusado de matar, en xullo de 2023, a un home no exterior da vivenda que ocupaban na cidade galega.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a maxistrada presidenta relata na sentenza que o xurado declarou probado por unanimidade que Fredy R. M. é autor dun delito de asasinato, pois atacou a vítima cun coitelo que collera do interior do inmoble e cravoullo catro veces coa intención de acabar coa súa vida. Engade o ditame que, “dado o profundo estado de embriaguez da vítima e o inesperado do ataque, non tivo posibilidade de repeler a agresión”.

O Tribunal do Xurado, tal e como consta na sentenza, considerou acreditados os feitos polos datos de localización dos teléfonos, as imaxes das cámaras, as probas de ADN do coitelo e o sangue do falecido na roupa e as mans do acusado. Do procesado, sosteñen que “en ningún momento dá unha explicación crible que o puidese exculpar, senón unha serie de contradicións”.

A maxistrada presidenta sinala que o xurado entendeu probado por unanimidade que o acusado tiña intención de acabar coa súa vida, “atendendo á natureza do instrumento empregado, ás zonas do corpo da vítima onde dirixiu o ataque, ao número de puñaladas e á intensidade coa que perforou o corazón”.

A maxistrada tamén indica no ditame que se declarou acreditada a embriaguez da vítima e o inesperado do ataque, pois “non se apreciaron feridas nas mans que puidesen ser ocasionadas por un acto de defensa”. Así, sinala que se atopaba “nun estado de vulnerabilidade, polo cal non puido previr o ataque nin tampouco defenderse da devandita agresión”.

Na resolución explica que non existiu, segundo os xurados, “a posibilidade dunha resistencia minimamente eficaz ou dunha defensa real que puidese provir da propia vítima”, polo que concorre a agravante de aleivosía que cualifica o asasinato. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos