Comeza a vista oral polo asasinato do concelleiro de Llanes Javier Ardines
Hoxe declarará Pedro Nieva, acusado de encargar o asasinato do amante de súa muller
Fiscalía pide 25 anos de cadea para cada un dos catro encausados
O crime conmocionou a localidade de Llanes
A gran cuestión que deberá aclarar o xurado popular que se constituíu este venres en Oviedo é se Pedro Nieva encargou o asasinato de Javier Ardines. Hoxe será, previsiblemente, o primeiro en declarar e, previsiblemente, clamará pola súa inocencia.
Pero fiscalía e acusación piden para cada un 25 anos de cadea. Segundo as conclusións da investigación da UCO, Pedro Nieva sería o que mandou matar a Ardines tras corroborar que a súa muller lle era infiel con el.
Jesús Muguruza puxo en contacto a Nieva con dous sicarios alxerianos que serían os que executaron a vinganza. Supostamente, cortáronlle o paso nunha estrada e cando baixou do coche matárono.
O asasinato conmocionou Llanes, e de primeiras a Garda Civil tirou dos fíos da política para buscar a motivación para matar a quen era o único concelleiro de Izquierda Unida nun municipio onde goberna un cuadripartito.
Pero a investigación virou e a vila encheuse de ruxerruxes ata as detencións das catro persoas que sentan no banco dos acusados. Prevese que o xuízo remate cara a finais deste mes.