Galicia aposta polo sector aeroespacial e de defensa coa Escola de Enxeñería Aeronáutica de Ourense
As obras comezarán en dúas semanas
Trátase dunha escola de 6.500 metros cadrados de superficie e dez millóns de euros de orzamento
No Campus de Ourense arrancan en dúas semanas as obras da nova escola de Enxeñería Aeroespacial, a titulación máis demandada da Universidade de Vigo pero sen facultade propia ata agora. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que esta escola é un paso máis na aposta de Galicia polo sector aeroespacial e de defensa.
Hai dez anos que a Universidade de Vigo imparte Enxeñeria Aeroespacial, a titulación coa cuarta nota de corte máis alta de Galicia, pero sen edificio de seu e coas clases espalladas polo Campus de Ourense. En dúas semanas arrancará a construción da facultade, unha escola de 6.500 metros cadrados de superficie e dez millóns de euros de orzamento, o 60% financiado pola Xunta, e prevén que estea rematada en 18 ou 20 meses.
No acto de presentación das obras, o reitor da Univesidade de Vigo, Manuel Reigosa, destacou que este grao está atraendo talento a Galicia e agradeceu a iniciativa da Xunta pola especialización do Campus Auga de Ourense para "loitar contra a tendencia natural contra o centralismo".
Pola súa banda, Alfonso Rueda destacou as "enormes oportunidades" que se abren no eido aeroespacial e de defensa e a intención da Xunta por crear un polo aeronáutico en Ourense.