Co triunfo en Elxe, o Celta agarda coller a onda positiva
Doce dos dezaseis goles do Celta foron marcados por Gabri Veiga e Iago Aspas
O equipo galego levaba oito partidos sen gañar
Despois de tres meses, Mundial no medio, e oito partidos sen gañar, volver coleccionar triunfos sabe mellor ca nunca. Era o cabeiro o que estaba diante, un Elxe case desafiuzado, é certo, pero o único premio válido era a vitoria, e o Celta soubo xogar con esa presión.
O Celta repetirá en venres, na estrea anual en Balaídos, fonte a un Vilarreal que acaba de protagonizar a primeira badalada do 2023. Tocará mellorar, por exemplo na defensa do balón parado, que xa causou graves danos na liga contra o Sevilla e na eliminación copeira co Español.
O celtismo pode presumir do recuperado olfacto goleador de Iago Aspas e dos galóns que vai acumulando día a día Gabri Veiga, presente en todas as accións ofensivas en Elxe. Veteranía e xuventude para cimentar neste inicio de 2023 o edificio da permanencia.